Nova
A Xunta destaca a elevada participación do ‘IV Foro Xuntos contra os Abusos’, un encontro referente na prevención do maltrato infantil
O evento organizado polo Executivo galego reúne hoxe nove profesionais que expoñen as súas experiencias e coñecementos neste eido
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica sinalou que este acto sitúa a Galicia no epicentro na investigación para a protección de menores
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, inaugurou esta mañá o IV Foro Xuntos contra os Abusos que organiza a Xunta de Galicia. Durante a súa intervención, destacou a elevada participación e boa acollida deste encontro que sumou máis de 170 persoas inscritas e que xa é un referente a nivel nacional na prevención do maltrato infantil.
Nesta xornada nove profesionais multidisciplinares de recoñecido prestixio na actuación e tratamento fronte aos abusos sexuais na infancia compartirán os seus coñecementos e experiencias. Este foro é o máis importante de España no ámbito da prevención e a detección do abuso sexual infantil.
Ademais, o evento conta con diferentes charlas nas que os relatores darán a coñecer a súa experiencia e que ten como obxectivo compartir experiencias entre os profesionais que traballan directamente coa infancia desde calquera eido, social, educativo, xurídico ou sanitario. Ao respecto, o director xeral sinalou que este acto sitúa a Galicia no epicentro da investigación para a protección de menores.
Nove profesionais de recoñecido prestixio
O primeiro en intervir foi José Manuel Ucha, fiscal xefe de Menores de Galicia, que abordou cuestións relativas ás medidas de protección dos nenos e adolescentes fronte ao abuso e o papel que xogan as administracións públicas neste eido. Seguidamente, o psicólogo especialista en psicoloxía clínica Arun Mansukhani expuxo as súas conclusións sobre o impacto neuropsicolóxico do abuso.
A terceira charla é a de María Belén Rubido, xuíza decana dos Xulgados de Pontevedra, que falará sobre a proba preconstituida en delitos de abusos sexuais a menores. Para rematar a quenda da mañá intervirá Pilar Polo, psicóloga da Fundación Vicky Bernadet, que impartirá unha conferencia titulada Como romper o silencio en casos de abuso sexual infantil. O poder psicoterapeutico da denuncia.
Pola tarde, Marta Fresnillo, subdirectora do departamento xurídico da Fundación Anar, presentará un estudo sobre a violencia sexual na infancia e na adolescencia, que recolle datos entre 2019 e 2023. A continuación, Sandra María Iglesias, xuíza decana dos Xulgados de Santiago de Compostela, falará sobre a xustiza adaptada á infancia e á adolescencia.
As dúas últimas charlas do día serán as de Emilie Rivas, responsable do modelo Barnahus en Save The Children España, que abordará a implantación deste sistema, e a de Tamara Méndez, medico forense e coordinadora das UVFIs do Imelga, que explicará o traballo que realizan as unidades de valoración forense integral.