Nova

A Xunta invita a establecementos comerciais e de restauración a sumarse ao Carné+65 ofrecendo descontos ás persoas maiores

Fabiola García fixo entrega á histórica zapatería compostelana Calzados Seijas do distintivo que a acredita como adherida a este carné e ás súas vantaxes


Santiago de Compostela, 5 de abril de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá un comercio adherido ao Carné+65, unha iniciativa da Xunta para ofrecer facilidades aos maiores galegos que inclúe descontos e acceso a servizos culturais, de ocio ou sanitarios. No acto, fixo entrega a José Antonio Seijas, propietario de Calzados Seijas e presidente da Asociación Comercio Punto Compostela, do distintivo deseñado pola Xunta para acreditar aos establecementos que se atopan adheridos a esta iniciativa.

O Carné+65, que é 100% gratuíto, abrangue 700 establecementos espallados por toda a xeografía galega, se ben a previsión é que esta cifra podería ampliarse ata os 1.000 ao longo deste ano. Nestes momentos, xa son máis de 600.000 persoas as que contan coa tarxeta e poden desfrutar dos beneficios incluídos. 

Entre as posibilidades que ofrece o carné atópanse descontos directos de ata o 30%,  beneficios especiais en numerosas actividades e vantaxes nunha ampla variedade de servizos e establecementos turísticos, comerciais e de ocio de Galicia.

Toda esta información está recollida na páxina web da iniciativa, na que os beneficiarios poden consultar toda a relación de establecementos onde poden desfrutar das vantaxes que lles ofrece o carné.