Nova

A Xunta resolve máis de 23.000 expedientes de dependencia e discapacidade no primeiro trimestre de aplicación do Plan de axilización

Fabiola García destaca que os datos rexistrados ata marzo demostran que as valoracións “avanzan a bo ritmo”, superándose xa as previsións iniciais que manexaba o Goberno galego


Santiago de Compostela, 5 de abril de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a residencia San Marcos para saudar aos usuarios e ás traballadoras para agradece o seu importante labor diario. A conselleira tamén fixo balance dos tres primeiros meses de aplicación do Plan de Simplificación e Axilización da Dependencia e a Discapacidade. Un trimestre no que a Xunta resolveu un total de 23.208 expedientes de dependencia e discapacidade.

Fabiola García destacou que os datos demostran que, deste xeito, as valoracións “avanzan a bo ritmo”, superándose xa as previsións iniciais que manexaba o Goberno galego, que se situaban no obxectivo de acadar as 20.000. A conselleira indicou que a estas cifras únese o feito de que “por primeira vez, superamos as 78.000 persoas atendidas”. Este impulso ás valoracións débese, en gran medida, á redución ao máximo dos trámites ao introducir o novo modelo de solicitude conxunta que xa está operativo desde o mes de xaneiro.

O obxectivo do plan de axilización, no que o Goberno galego inviste 90M€, é resolver as solicitudes nun prazo máximo de seis meses. Este plan conta con sete eixos principais: reducir ao máximo a burocracia, fixar un procedemento conxunto que aforre tempos e trámites, a mellora da xestión das citas, a optimización da xestión administrativa, o reforzo do papel dos servizos sociais, o establecemento dun protocolo de colaboración entre Política Social e o Sergas e a posta en marcha dun plan de formación.