Nova

A Xunta sinala que máis de 6.000 familias monoparentais dispoñen xa do seu certificado oficial para acceder ás vantaxes

Jacobo Rey sinala que a Lei de Impulso Demográfico blinda as vantaxes destas familias consideradas de especial consideración en ámbitos como o ensino e a conciliación


O Carballiño (Ourense), 5 de abril de 2025

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, inaugurou esta mañá a IV Xuntanza de Fagamos, que durante esta fin de semana reúne a un centenar de familias na Residencia de Tempo Libre do Carballiño. Alí, destacou que máis de 6.000 familias monoparentais dispoñen xa do certificado oficial da Xunta para acceder a diferentes vantaxes e beneficios.

Jacobo Rey sinalou que esta tipoloxía de familias teñen o recoñecemento de especial consideración en Galicia desde fai catorce anos, o que lles garante unha serie de vantaxes en ámbitos como o ensino ou a conciliación. Ao respecto, apuntou que Galicia blindou esta especial consideración e estas vantaxes no ano 2021 coa Lei de Impulso Demográfico, a primeira destas características aprobada en España. Tamén reiterou o compromiso da Xunta de Galicia para facilitar a conciliación a todas as familias galegas con medidas como a gratuidade das escolas infantís 0-3 ou o Bono Concilia Familia. 

O programa deste encontro contempla charlas informativas sobre a situación das familias monoparentais na nosa Comunidade Autónoma. Ademais, inclúe a realización dun obradoiro sobre primeiros auxilios e prevención de accidentes, ademais de actividades para os máis pequenos.