Nova

A Xunta felicita á Asociación Galega de Linfedema por organizar un congreso pioneiro a nivel estatal sobre estas patoloxías e o seu tratamento

A directora xeral de Persoas con Discapacidade pon en valor a importancia de que Galicia acolla un evento de alto nivel no que profesionais e pacientes poidan compartir coñecementos e experiencias


Vigo, 4 de abril de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou esta mañá na inauguración do primeiro congreso estatal de linfedema, lipedema e insuficiencia venosa crónica, que se celebrará hoxe e mañá no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O evento está organizado pola Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas e conta coa colaboración da Xunta.

A directora xeral puxo en valor a importancia deste congreso, pioneiro en España e deseñado como un espazo para aprender e compartir coñecementos sobre estas patoloxías. Begoña Abeijón felicitou á asociación galega por celebrar dúas décadas de traballo en favor dos intereses seus usuarios e recordou que a entidade conta coa man da Xunta para seguir desenvolvendo iniciativas, unha colaboración que nos últimos anos se materializou en axudas por importe total de 100.000€.

Neste primeiro congreso estatal, orientado a pacientes e a profesionais, persoal especializado impartirá charlas sobre diferentes aspectos que están relacionados con estas patoloxías, como poden ser a nutrición ou a saúde mental. Tamén se abordarán cuestións como as diferentes opcións de tratamento, os coidados específicos que precisan estas persoas ou a importancia do exercicio físico.