Nova
Fabiola García felicita á residencia de maiores do Castiñeiriño por organizar actividades que axudan aos usuarios a mellorar a súa calidade de vida
Oito usuarios do centro residencial e outros tantos do centro de día de persoas con dano cerebral puideron interactuar con ‘Wailo’, un can especializado en terapia social
A conselleira tamén puxo en valor o labor desenvolvido por Sarela, un referente en Galicia na atención a persoas con discapacidade
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asistiu esta mañá a unha actividade terapéutica con animais na que participaron usuarios da residencia de maiores do Castiñeiriño e da entidade Sarela. Ao remate, a conselleira felicitou ao centro residencial por organizar iniciativas “que axudan aos seus usuarios a mellorar a súa calidade de vida”.
Durante a mañá, oito usuarios da residencia e outras tantas persoas con discapacidade do centro de día Sarela puideron interactuar con Wailo, un can especializado en terapia social con colectivos vulnerables. Este tipo de actividades con animais teñen numerosos beneficios como a mellora da psicomotricidade, a realización de exercicio físico ou a mellora da socialización.
Na súa intervención, a conselleira animou á dirección da residencia de maiores pública autonómica e seguir desenvolvendo este tipo de actividades, que achegan ás persoas beneficios físicos, cognitivos, sociais e emocionais e que axudan aos maiores e ás persoas con discapacidade “a sentirse máis conectados, máis felices e máis saudables”.
Ademais, Fabiola García tamén puxo en valor o labor desenvolvido por Sarela, que leva 25 anos traballando en favor das persoas con dano cerebral, sendo referente na comarca de Santiago de Compostela e de toda Galicia.
A residencia pública do Castiñeiriño é un dos sete centros que a Fundación Amancio Ortega (FAO) constrúe e equipa nas sete cidades galegas. O centro, que contou cun investimento de 25M€, dispón de 120 prazas e instalacións é servizos de vangarda.