Nova
A Xunta pon en valor o traballo impulsado en Galicia en materia LGBTI e solicita ao goberno central fondos para desenvolver a futura estratexia estatal
A directora xeral de Promoción da Igualdade reitera a petición realizada por Galicia esta semana na reunión das comunidades co Ministerio de Igualdade, un encontro no que tamén trasladou exemplos de boas prácticas galegas
Madrid, 28 de marzo de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta mañá no Consejo de Participación LGBTI, do que, nestes momentos, Galicia e Andalucía son membros en representación das comunidades autónomas. Na reunión, na que se aprobou o plan de traballo 2025-2027 e se presentou a estratexia LGBTI, a directora xeral puxo en valor o traballo realizado Galicia e solicitou ao Goberno central fondos económicos para desenvolver a Estratexia estatal para a igualdade de trato e non discriminación das persoas LGTBI+ 2025-2028.
Con respecto á estratexia, trasladou o agradecemento a todas as persoas que participaron na súa elaboración e explicou que Galicia se atopa nestes momentos analizándoa para poder facer as súas achegas. Así, uniuse á solicitude de varias comunidades de poder contar con máis marxe de tempo para poder facer un traballo máis pormenorizado.
Esta mesma semana, a directora xeral participou na reunión na que o Ministerio de Igualdade presentou a estratexia estatal, un encontro no que trasladou o traballo de Galicia en materia LGBTI, como o feito de ser pioneira por ter unha lei propia que consolida o principio de igualdade para as persoas LGTBI desde 2014 ou por poñer en marcha o Observatorio galego contra a discriminación pola orientación sexual e identidade de xénero.
Ao mesmo tempo, trasladou algúns do recursos públicos de Galicia de apoio e acompañamento. Deste xeito, aproveitouse a existencia de 84 Centros de Información a Mulleres (CIM) distribuídos por todo o territorio galego para crear un sistema de ‘portelo único’ de atención ao colectivo LGBTI. Estes centros contan con asistencia xurídica e psicolóxica, con outros servizos a maiores nalgúns concellos, e desde o ano 2016 teñen entre as súas competencias atender e dar información ao colectivo LGBTI e ao asociacionismo. Nos últimos anos desenvolvéronse numerosas formacións para mellorar a capacitación deste persoal e creouse un protocolo de atención específico.
Ademais, puxo en valor os cinco centros Querote+ como un servizo específico aos que poden derivar os CIM, ou aos que as persoas usuarias poden acudir directamente que contan, ademais de con asistencia psicolóxica e xurídica especializadas, con servizos de orientación laboral, sexoloxía e saúde sexual, poden realizarse neles a proba rápida de VIH. Ademais os Centros Quérote+ realizan unha función de sensibilización ao desenvolver charlas formativas en centros de ensino.
Novo protocolo
Ademais, tamén trasladou que en maio o Observatorio aprobará un protocolo para a atención das persoas trans nos servizos de Atención Primaria, así como o traballo de estudo e análise desenvolto nos últimos anos desde o Observatorio no eido do deporte, da educación, das persoas migrantes, entre outros. Ademais, do impulso do estudo xeral sobre a situación do colectivo LGBTI en Galicia (Foro de identidades e disidencias sexuais, Consello da Cultura Galega, 2023) e o Estudo sobre a situación laboral do colectivo LGBTI en Galicia (Consello Galego de Relacións Laborais, 2023).
Do mesmo xeito, explicou a aposta do Goberno galego por darlle visibilidade ao colectivo LGBTI nos lugares de máis congregación de mocidade, como son os festivais do verán, coa área de sensibilización e punto lila e arco iris polas que pasaron máis de 15.000 persoas o ano pasado.