Nova
A Xunta comproba o avance das obras da futura residencia de maiores de Xunqueira de Ambía
O Goberno galego achega 1,2M€ á construción do novo centro residencial municipal, que disporá de 50 prazas
Xunqueira de Ambía (Ourense), 28 de marzo de 2025
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá as obras da futura residencia municipal de maiores de Xunqueira de Ambía, un centro ao que a Xunta destina 1,2M€ e que contará con 50 prazas. No percorrido polas instalacións, o xerente estivo acompañado polo alcalde, José Luis Gavilanes.
Esta actuación forma parte do Plan de Investimentos de 18,5M€ acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e co que a Xunta financia unha vintena de proxectos de mellora, reforma ou construción de residencias e centros de día de titularidade municipal. O obxectivo principal deste Plan é dotar aos concellos máis rurais e con menor poboación de servizos de atención aos maiores. No caso de Xunqueira de Ambía, o total do proxecto ascende a 1.279.000 euros dos cales, 1,2M€ son financiados pola Xunta de Galicia e o resto pola Deputación de Ourense.
Con esta actuación dotarase ao concello de 50 prazas residenciais para persoas maiores. Perfecto Rodríguez destacou que o Plan de Investimentos en centros de atención residencial e diúrna de titularidade municipal supón un impulso histórico da Xunta á rede galega de atención e coidado a maiores. Así mesmo, fixo fincapé en que o Executivo galego financiará parte das obras con fondos europeos Next Generation do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.