Nova

A Xunta financia con preto de 116.000 euros a creación do novo centro terapéutico para doentes de Alzhéimer en Viveiro

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria destacou que este novo servizo suporá unha mellora na calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias


Viveiro (Lugo), 29 de marzo de 2025

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e a alcaldesa de Viveiro, María del Carmen Gueimunde, coñeceron as obras para a creación dun novo centro terapéutico para doentes de Alzhéimer de AFA e que conta cunha achega da Xunta de Galicia de preto de 116.000 euros a través da convocatoria de axudas do IRPF.

Durante a súa visita, o director xeral destacou que este novo servizo suporá unha mellora na calidade de vida das persoas con Alzhéimer e tamén das súas familias. Ao respecto, sinalou que no novo centro poderán optar a servizos de atención e coidado específicos por parte dos profesionais, que tamén asesorarán ás familias que conviven cos doentes.

Antón Acevedo, destacou a importante colaboración e apoio entre a Xunta de Galicia e as entidades sociais que traballan para mellorar as condicións de vida das persoas con demencias. Por iso mesmo, trasladou o compromiso do Executivo galego para seguir reforzando os recursos específicos para as persoas con Alzhéimer e patoloxías semellantes e tamén para a súa contorna.

Outras accións en Viveiro

Esta mesma semana, Antón Acevedo e a alcaldesa de Viveiro, María del Carmen Gueimunde, participaron nunha visita á residencia de maiores de Betania na que se están desenvolvendo unhas obras de mellora do semisoto e nas que a Xunta de Galicia investiu preto de 50.000 euros a través das axudas con cargo ao 0,7% do IRPF.

Neste sentido, o director xeral avanzou que as actuacións permitirán seguir avanzando na atención dos maiores e reforzando os recursos existentes, co obxectivo de ampliar e estender as iniciativas que se desenvolven neste centro.