Nova
A Xunta destaca o proxecto de inclusión sociolaboral da Asociación Raíña Paraíso que ofrece formación e capacitación en agricultura
O director xeral de Inclusión Social sinalou que esta entidade conta cunha achega de máis de 102.000 euros do Executivo galego para desenvolver diferentes programas
Vilasantar (A Coruña), 27 de marzo de 2025
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, puxo en valor o proxecto de inclusión sociolaboral da Asociación Raíña Paraíso que ofrece ás persoas en risco de exclusión formación e capacitación en agricultura para potenciar as súas saídas laborais. Así o sinalou esta mañá na visita á Escola de Agricultura Ecolóxica de Vilasantar onde se desenvolve o programa e na que tamén participou a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo e o alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez Fernández.
Arturo Parrado fixo fincapé na colaboración entre o Executivo galego e a entidade para impulsar itinerarios de inserción laboral específicos e que axuden a previr o risco de exclusión social. Neste sentido, o director xeral sinalou que a Xunta de Galicia concedeu este ano máis de 102.000 euros en achegas a través da convocatoria do IRPF a esta asociación para poñer en marcha diferentes programas neste eido.
O director xeral destacou os itinerarios que desenvolven para capacitar ás persoas en risco de exclusión social, que viven en zonas rurais, de ferramentas e coñecementos específicos en materias como a agricultura ecolóxica. Deste xeito, búscase potenciar e mellorar o seu acceso a diferentes empregos e saídas laborais.
Neste sentido, Parrado sinalou tamén as actuacións que desenvolven coas persoas internas do centro penitenciario de Teixeiro, facilitándolle formación tamén en diferentes ramas da agricultura ou a xardinería para favorecer o seu proceso de reinserción social.
Ademais, durante a súa visita, o director xeral agradeceu o labor que desenvolve esta entidade para mellorar a situación das persoas máis vulnerables e trasladou o compromiso da Xunta para seguir colaborando co tecido asociativo e reforzando os programas de inserción sociolaboral. Así mesmo, destacou a boa colaboración institucional entre a Xunta de Galicia, a entidade Raíña Paraíso e o concello de Vilasantar, titular das instalacións onde se realizan estas actividades.