Nova

A Xunta esixe que o Goberno central cumpra co financiamento da dependencia en Galicia

Fabiola García lembra que Galicia está facendo un esforzo financeiro moi superior ao que lle corresponde e incrementando os orzamentos, mentres a achega estatal redúcese


Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe que a Xunta traballa na mellora constante dos servizos sociais en xeral, con especial atención ao sistema de atención á dependencia.

En resposta a unha interpelación, Fabiola García lembrou que Galicia “está facendo un esforzo financeiro moi superior ao que lle corresponde”, mentres que o Goberno central, lonxe de achegar o 50% fixado pola lei, reduce o financiamento. Deste xeito, destacou que o financiamento estatal pasou do 40% no 2023 ao 34,9% no 2024.

Neste sentido, insistiu en que o Goberno central cumpra co financiamento da dependencia en Galicia e que se teñan en conta as reclamacións da Xunta para a actualización do baremo e que se teña en conta dispersión xeográfica ou o envellecemento da comunidade galega.

A conselleira puxo en valor o plan de simplificación e axilización da dependencia impulsado pola Xunta en xaneiro e incidiu en que a previsión é rematar o primeiro trimestre deste ano con máis de 7.000 expedientes de dependencia resoltos e outros 13.000 de discapacidade, sumando un total de 20.000.