Nova

A Xunta financia con 216.000 euros a creación de tres recursos residenciais destinados ás persoas sen fogar en Ponteareas

Esta achega permitirá rehabilitar tres inmobles para adecualos como vivenda e poder equipalos para o seu uso diario


Ponteareas (Pontevedra), 26 de marzo de 2025

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, coñeceu o proxecto de reforma de tres vivendas do concello de Ponteareas no que a Xunta inviste 216.000 euros para convertelas en recursos residencias para persoas sen fogar.

Na visita, na que tamén participou a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, o director xeral lembrou que este proxecto é un dos beneficiados na orde de achegas da Xunta de Galicia destinadas ás entidades locais, co obxectivo de habilitar vivendas para persoas sen fogar e potenciar a súa inserción social.

Arturo Parrado lembrou que esta liña de axudas conta cun orzamento que ascende a preto de 6 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea e que ten como obxectivo rehabilitar case un cento de inmobles en toda Galicia. Neste sentido, fixo fincapé en que o importe máximo por proxecto son 72.000 euros, dos que 47.000 euros son para os traballos de reforma e 25.000 euros para o equipamento.

Nesta liña, o director xeral fixo fincapé en que no concello de Ponteareas son tres os proxectos que se están realizando ao abeiro desta convocatoria e que se corresponden con antigas vivendas de mestres que se adecuarán como recurso residencial para persoas sen fogar.