Nova

A Xunta garante a máxima calidade asistencial nas residencias de maiores e pide non discriminar aos usuarios con patoloxías psiquiátricas

Fabiola García explica que os ingresos nos centros residenciais realízanse conforme ao estipulado na lei e destaca que o Goberno galego aposta pola atención, a concienciación e a inclusión


Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, garantiu hoxe que a Xunta traballa para garantir a máxima calidade asistencial nas residencias de maiores e explicou que os ingresos nestes centros realízanse en función do estipulado na normativa vixente.

Na súa intervención no Parlamento, asegurou que o ingreso de persoas con patoloxía psiquiátricas en centros residenciais realizase en coordinación coa Consellería de Sanidade e compaxinando a súa correcta atención co benestar dos demais usuarios. Neste sentido, incidiu en que a patoloxía psiquiátrica “non pode nin debe ser unha barreira para que unha persoa ocupe unha praza residencial se ten dereito a facelo”.

Fabiola García destacou que ante unha cuestión como a saúde mental, a Xunta aposta pola atención, a concienciación e a inclusión. Así, detallou que, entre outras medidas, a carteira de servizos para a atención á dependencia conta con programas específicos para a atención psicosocial e que se ten incrementado a atención ás persoas con trastorno mental que residen en centros sociosanitarios con especialistas en saúde mental. Ademais, lembrou que a través do novo modelo de residencias de Galicia incluíuse a creación de unidades psicoxeriátricas especializadas.