Nova
A Xunta destaca que a apertura da cafetería do centro sociocomunitario de Santa Comba permitirá ampliar e diversificar as súas actividades
Antón Acevedo sinalou que as iniciativas e programas deste centro son fundamentais para previr a soidade non desexada e mellorar o benestar dos usuarios
Santa Comba (A Coruña), 24 de marzo de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asistiu esta tarde á inauguración da nova cafetería do Centro Sociocomunitario de Santa Comba. Tras a visita destacou que este novo servizo permitirá diversificar e seguir ampliando as actividades que se realizan.
Neste sentido, puxo en valor o catálogo de iniciativas que se desenvolven neste recurso público ao longo da semana e que están destinadas a mellorar a actividade cognitiva e física dos usuarios, a través de obradoiros de lectura, ximnasia ou clases de aprendizaxe de diferentes disciplinas. Ao respecto, destacou que estes programas son fundamentais para fomentar a socialización dos maiores e previr a soidade non desexada.
Antón Acevedo lembrou que a Xunta de Galicia mantén unha estreita colaboración coas Administracións locais para poñer en marcha programas que fomenten o envellecemento activo e saudable. Así, trasladou o compromiso do Executivo galego para seguir ampliando as iniciativas para maiores e reforzando os recursos de atención, especialmente nas zonas con máis dispersión de poboación.