Nova
A Xunta pon en valor o papel dos profesionais nos novos modelos de coidados e atención sociosanitaria
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, inaugura as xornadas organizas pola Asociación Galega do Sector da Dependencia
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá na inauguración das xornadas A importancia do profesional nos novos modelos de atención, organizadas pola Asociación Galega do Sector da Dependencia (Agasede).
Este encontro reuniu hoxe en Santiago a uns 200 expertos e profesionais, que abordaron o papel fundamental do profesional nos novos modelos de atención e coidados. Algúns dos temas de debate foron a xestión de equipos no sector sociosanitario, o impacto da tecnoloxía como apoio ao profesional e a evolución do papel dos profesionais nos modelos asistenciais do futuro.
Na súa intervención, o director xeral lembrou que Galicia foi pioneira no desenvolvemento dun sistema de coidados que ten como piares fundamentais a atención personalizada, a mellora dos equipamentos, o uso das novas tecnoloxías e a formación continua dos profesionais. A finalidade é que os maiores que se aloxan en residencias se sintan como nos seus fogares e dispoñan dos mellores medios e sistemas para ter unha atención da máxima calidade.