Nova

A Xunta pon en valor o labor de Down Compostela en favor da plena integración

Fabiola García agradece a todos os premiados que fagan de Santiago unha cidade máis integradora e sinala que a Xunta seguirá traballando para que as persoas con síndrome de Down estean presentes en todos os ámbitos da sociedade


Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe o labor que desenvolve Down Compostela para dar máis visibilidade ás persoas con esta síndrome, defender os seus dereitos e crer nas súas posibilidades. Díxoo na duodécima gala de entrega de premios organizada por esta entidade, un acto que serve para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down.

Os galardoados nesta edición foron a psicóloga Marta Rodríguez Lorenzo, o catedrático Antonio Rodríguez Núñez e a empresa Seur Geopost. Fabiola García agradeceu a todos os premiados que fagan de Santiago de Compostela unha cidade máis integradora e solidaria na que todas as persoas poden levar unha vida participativa, autónoma e plena.

A conselleira sinalou que a Xunta seguirá traballando para que as persoas con síndrome de Down estean presentes en todos os ámbitos da sociedade e para que conten con profesionais de atención temperá, teñan garantida unha educación inclusiva e unha formación adaptada, así como acceso ao emprego.