Nova
Rueda anuncia a mellora do edificio vigués ‘A Gota de Leite’ para ampliar a escola infantil e abrir a primeira unidade de atención postemperá pública de Galicia
Resalta que este enclave “emblemático e senlleiro” de Vigo vai “manter a súa esencia” ao converterse nun centro de atención integral ás familias
A intervención no edificio e a dotación de servizos contará cun orzamento de 2 M€
As novas instalacións estarán dispoñibles “ao longo de 2026” e incluirán, ademais, un Punto de Encontro Familiar e unha unidade de atención temperá
A escola infantil sumará 30 novas prazas ata chegar ás 132
As novas unidades asistirán anualmente a 1.650 menores de ata 12 anos que precisen atención especializada de logopedas, psicólogos, fisioterapeutas ou pedagogos
Vigo, 12 de marzo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe as obras de mellora das instalacións do edificio A Gota de Leite de Vigo, que van permitir ampliar a actual escola infantil, acoller un futuro Punto de Encontro Familiar, crear unha nova unidade de atención temperá e a posta en marcha da primeira de atención postemperá de toda a rede pública autonómica de Galicia.
Durante unha visita ao centro, Rueda puxo en valor o amplo legado dun edificio que cualificou de “emblemático, senlleiro e símbolo de Vigo” e fixo fincapé en que “conservará a súa esencia” coa conversión nun centro de atención integral ás familias. As obras, segundo explicou, contarán cun orzamento estimado de 2 millóns de euros e estarán rematadas “ao longo de 2026”.
O xefe do executivo autonómico reivindicou a importancia de apostar pola atención familiar e subliñou o compromiso da Administración co fortalecemento desta área, incluíndo a ampliación da rede dos centros de atención familiar no noso territorio.
As novas instalacións da escola infantil permitirán sumar 30 novas prazas ata chegar as 132 mentres que as futuras unidades de atención temperá -para nenos de 0 a 6 anos- e postemperá -para estender os servizos e tratamentos de psicólogos, logopedas, pedagogos ou fisioterapeutas ata os 12 anos no caso de ser necesario- prevén atender a 1.650 menores da área de Vigo ao ano.
O presidente salientou que esta reforma do edificio A Gota de Leite é unha boa mostra do compromiso da Xunta desde hai anos en “investir en Vigo” con obras xa rematadas coma a Cidade da Xustiza e o Hospital Álvaro Cunqueiro ou novos proxectos no eido educativo, sanitario ou da vivenda.