Nova
A Xunta e a Deputación da Coruña avalían vías de colaboración en materia de atención residencial a persoas maiores
Fabiola García ofrece a colaboración na tramitación administrativa de tres novas residencias impulsadas pola Deputación e amosa a disposición do Goberno galego a concertar prazas nestes centros
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo unha reunión esta mañá co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para avaliar as posibles vías de colaboración en materia de atención residencial a persoas maiores.
No encontro, a conselleira ofreceu a colaboración da Xunta na tramitación administrativa das residencias de maiores que está impulsando a institución provincial nos concellos de As Pontes, Rianxo e Ordes. E, ademais, amosou a disposición do Goberno galego a concertar prazas nestes centros provinciais.
Tras a reunión, Fabiola García incidiu na importancia de colaboración entre as administracións para garantir a atención residencial ás persoas maiores e puxo en valor o modelo de coidados da Xunta.