Nova

Fabiola García subliña a importancia do deporte para educar en igualdade de xénero desde a infancia

A conselleira sinala que a presenza das mulleres no deporte ao igual que no resto de facetas sociais é imprescindible para acadar unha Galicia máis igualitaria


Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe, no acto organizado pola Real Federación Galega de Fútbol con motivo do 8M, a importancia do deporte para educar en igualdade desde idades temperás. No acto, explicou que a actividade deportiva é un piar fundamental na construción dunha sociedade máis equitativa e xusta, especialmente entre a xente nova.

A conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, sinalou que a presenza das mulleres no deporte, ao igual que no resto de facetas sociais, é imprescindible para acadar unha Galicia máis igualitaria. Deste xeito, lembrou que a Xunta impulsa diferentes iniciativas para apoiar e impulsar o papel das mulleres nos diferentes sectores económicos e garantir a súa independencia económica e autonomía persoal.

O acto celebrado no Pavillón de Santa Isabel comezou coa lectura dun manifesto por parte de dúas xogadoras do Vitoria FC, que veñen de clasificarse para a fase final do Campionato de España coa Selección Galega sub 4. A continuación, a Real Federación Galega de Fútbol rendeu homenaxe a un grupo de mulleres referentes do fútbol galego: a xogadora Carolina Baños, a árbitra Alicia Andrés, a adestradora Ana Isabel González e Begoña Aldao, a presidenta do Sárdoma CF. Por último, disputouse un partido de sala no que participaron actrices, artistas, creadoras de contido ou presentadoras de televisión.