Nova

A Xunta destaca que a nova residencia de Aspanaex en Vigo entrará proximamente en funcionamento

A Administración galega colaborou con este entidade social con máis de 2 millóns de euros na construción deste complexo

A directora xeral de Persoas con Discapacidade subliña que nos últimos cinco anos o Executivo galego destinou máis de 232.000 euros en achegas a través do 0’7% do IRPF


Vigo, 6 de marzo de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá aos usuarios do centro ocupacional de Aspanaex e destacou os máis de 60 anos de traballo desta entidade social a prol das persoas con discapacidade intelectual.  Ademais, lembrou que a nova residencia da entidade social en Vigo abrirá proximamente as súas portas

Begoña Abeijón destacou o firme compromiso da Xunta de Galicia con Aspanaex e sinalou que a Administración galega colaborou coa entidade cunha achega de máis de 2 millóns de euros para a construción do centro residencial. Así mesmo, lembrou que o Executivo galego aprobou recentemente a convocatoria de 35 prazas de atención públicas neste centro.

Ademais, a directora xeral fixo fincapé en que nos últimos cinco anos a Xunta destinou máis de 232.000 euros en diferentes achegas con cargo ao 0,7% do IRPF. Así, puxo en valor este apoio económico que permitiu á entidade social desenvolver diferentes programas e mellorar as instalacións do centro de día e ocupacional, así como a adquisición dun vehículo adaptado.

Neste sentido, a directora xeral agradeceu o importante labor desta asociación e destacou que o papel do tecido asociativo é fundamental para a atención e coidado das persoas con discapacidade. Ao mesmo tempo, lembrou que a Xunta de Galicia destina este ano un orzamento de máis de 176 millóns de euros a esta área, para seguir mellorando o seu día a día e consolidando a rede de apoios.