Nova
A Xunta aposta este 8M por dar visibilidade á forza da unión entre distintas xeracións de mulleres a través da campaña ‘O noso Canto’
María Quintiana sinala que se trata de “empregar a linguaxe universal da música para demostrar que cando estamos xuntas todo é posible”
Destaca os programas postos en marcha para favorecer a incorporación laboral das mulleres en sectores masculinizados, así como o emprendemento feminino
Apunta que este ano destínanse máis de 9,4 millóns de euros a favorecer a conciliación e a corresponsabilidade entre mulleres e homes
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, avogou hoxe por aproveitar o Día Internacional das Mulleres para dar visibilidade á forza da unión interxeracional do feminismo, a través da iniciativa O noso canto. Fíxoo na súa comparecencia a petición propia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego para dar conta dos obxectivos da campaña institucional con motivo do 8M e das políticas da Xunta de Galicia en materia de igualdade.
María Quintiana explicou que a campaña da Xunta para esta efeméride simboliza a alianza entre varias xeracións de artistas galegas que destacan o ámbito da música. “Quixemos empregar a linguaxe universal da música para facer do feminismo un himno que sexa nexo de unión para todas e demostrar que cando estamos xuntas todo é posible”, sinalou.
Neste sentido, a directora xeral apuntou que O noso canto propón un diálogo musical que xorde da unión de dúas cancións diferentes, con distintos estilos, instrumentos e voces que “por separado sonan ben pero cando se reproducen á vez ten moitísima máis potencia e valor”. Máis dunha trintena de artistas galegas participan nesta canción colectiva composta por Belém Tajes, entre outras: Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Lucía Pérez, Yoly Saa, Sabela Ramil, Camaño & Ameixeiras, Catuxa Salom, Carolina Rubirosa, María Jorge e Anaïs Barbier de Caldo.
Na súa intervención, Quintiana tamén informou sobre as iniciativas postas en marcha polo Executivo autonómico para seguir avanzando cara a igualdade entre mulleres e homes no campo laboral ou para favorecer unha conciliación corresponsable, unha cuestión sobre a que tamén informou en resposta a unha pregunta oral na Comisión 3ª.
As mulleres no mundo laboral
En canto á incorporación das mulleres ao mercado de traballo, a directora xeral indicou que a Xunta destinou por primeira vez o ano pasado 1,7 millóns de euros para fomentar a contratación de mullleres en sectores masculanizados e para adaptar os espazos de traballo para favorecer a igualdade laboral. Así mesmo dentro do Plan Galicia Emprega destínanse neste exercicio 7 millóns de euros a unha liña específica para mellorar a empregabilidade feminina.
Outra das medidas no ámbito laboral que destacou a responsable das políticas de igualdade foi o programa de emprendemento feminino Emega. Nos últimos doce anos, a Xunta apoiou máis de 2.000 iniciativas, cun investimento de case 27 millóns de euros.
María Quintiana trasladou algúns datos do último informe sobre a situación do mercado laboral das mulleres en Galicia elaborado polo Observatorio de Prospectiva do Mercado de Traballo, correspondente ao ano 2024. Segundo este estudo, en Galicia nunca houbo tantas mulleres traballando como agora e a taxa de paro feminino é a máis baixa desde 2008.
Ao respecto, o Observatorio apunta que a taxa de actividade das mulleres de 16 a 64 anos está en preto do 72 %, o que supón un incremento de 10 puntos no último decenio. Ademais, o estudo revela que a nosa Comunidade Autónoma rexistra a menor fenda salarial de xénero de toda a serie histórica, desde o ano 1999.
Conciliación e corresponsabilidade
A pesar destes datos positivos, María Quintiana manifestou que aínda persisten diferenzas entre as oportunidades de mulleres e homes debido, en grande medida, á falta de corresponsabilidade e ás dificultades para conciliar. Para corrixilas, a Xunta inviste este ano máis de 9,4 millóns de euros en medidas centradas neste eido.
Nesta liña, a directora xeral destacou os apoio a concellos, entidades de iniciativa social, ANPAS e asociacións de mulleres para que poñan en marcha programas que favorezan a conciliación corresponsable, como servizos de madrugadores nos colexios, campamentos, bolsas de coidados profesionais ou plans de formación e sensibilización; para accións de promoción e de prevención da violencia de xénero ou para impulsar o asociacionismo de mulleres.
Ao respecto, destacou o incremento no orzamento que destina a Xunta a apoiar a contratación de persoal dos 84 Centros de Información ás Mulleres (CIM) que están en funcionamento en Galicia. Este ano 2025 o Goberno galego xa incrementou o apoio económico anual aos CIM nun 30,6%, superando os 6,5 millóns de euros en total. Ademais, a Xunta traballa nun Plan integral de actuación para a renovación e impulso destes centros, que dan servizo a 191 concellos.
Participación institucional
A titular autonómica de Promoción da Igualdade valorou o impulso que se está a dar a órganos de participación institucional que lideran e incorporan a perspectiva de xénero en todos os eidos, como son: o Consello Galego das Mulleres, a Unidade Muller e Ciencia ou a participación no grupo técnico de I+D+I da Xunta de Galicia.
Por último, salientou as áreas de sensibilización en igualdade postas en marcha o pasado verán e que acompañan aos puntos lila e arco iris nos festivais galegos. Tamén puxo en valor o traballo dos centros Quérote+, nos que se traballa coa xuventude en temáticas como a sexualidade, as novas masculinidades e o bo trato, a prevención da violencia de xénero e a sensibilización sobre o colectivo LGTBI.