Nova
O DOG publica o decreto para o pago da axuda complementaria aos perceptores de pensións non contributivas
Ao redor de 36.500 persoas recibirán nas súas contas bancarias unha axuda de 218 euros nun pago único anual
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto que establece o pago dunha axuda ás persoas que perciben unha prestación non contributiva. A Xunta destina 8 millóns de euros a ingresar de oficio un complemento extra de 218 euros ao redor de 36.500 persoas beneficiarias de pensións de xubilación e invalidez nas súas modalidades non contributivas e as do subsidio de garantía de ingresos mínimos.
Trátase dun único pago anual que os beneficiarios reciben de maneira automática nas súas contas bancarias, sen necesidade de que o soliciten nin que fagan trámite algún. Soamente deberán cumprir dous requisitos: ter residencia habitual en Galicia e estar en situación de alta en nómina na data 1 de xaneiro de 2025.
Galicia é unha das poucas Comunidades Autónomas que concede de xeito ininterrompido desde o ano 2008 esta axuda extraordinaria que non é obrigatoria, pois son os propios gobernos rexionais os que deciden mantela. Ademais, se mantén o adiantamento do pago, tal e como se fai desde 2023, xa que anteriormente estas axudas se ingresaban a finais de cada ano.