Nova
A Xunta avalía novas vías de colaboración co concello de Xove para poñer en marcha futuras iniciativas de atención aos maiores e ás persoas con discapacidade
Fabiola García sinalou que o Executivo Galego conta con 75 prazas de diferentes recursos públicos para a atención a maiores neste municipio
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde de Xove, José Demetrio Salgueiro, para avaliar novas vías de colaboración con este concello e poñer en marcha futuras iniciativas de atención a maiores e ás persoas con discapacidade.
Neste sentido, a conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que a Xunta de Galicia financia 75 prazas públicas de atención a maiores en diferentes recursos. Así mesmo, indicou que o pasado ano se destinaron 50.000 euros para os bonos coidado no fogar neste municipio e que supoñen unha achega directa de 5.000 euros a aquelas persoas que prefiren ser coidadas nos seus fogares por unha persoa da súa contorna.
A conselleira tamén destacou que este municipio recibiu nos últimos anos unha achega de preto de 50.000 euros para mellorar a accesibilidade e seguridade dos accesos do centro cívico e do xardín municipal, co obxectivo de facilitar a súa entrada ás persoas con discapacidade. Ademais, o concello de Xove está agrupado na unidade de atención temperá da Mariña, que atende a nenos de ata seis anos e que recibiu no último ano unha axuda da Administración autonómica de 243.000 euros dentro do programa FSE Galicia 2021-2027.
Fabiola García tamén sinalou a importancia de impulsar novos programas de envellecemento activo e saudable para as persoas maiores, especialmente nos concellos máis rurais de Galicia. Así mesmo, indicou que a Xunta de Galicia segue traballando para garantir a mellor atención dos maiores e impulsar a autonomía das persoas con discapacidade.