Nova
A Xunta destaca que o programa Xuntos xa está consolidado como un referente na promoción do envellecemento activo
Antón Acevedo destacou que este ano se recibiron máis de 430 solicitudes para as 270 prazas que se ofertan nas dúas Residencias de tempo libre do Executivo galego
Así mesmo, sinalou que a Administración autonómica destinou preto de 140.000 euros na pasada edición para o seu desenvolvemento
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, sinalou esta mañá que o programa Xuntos polo Nadal impulsado pola Xunta de Galicia xa está consolidade como un referente na promoción do envellecemeto activo. Así o sinalou esta mañá na Comisión 5ª do Parlamento como resposta a unha pregunta oral.
Antón Acevedo fixo fincapé en que na última edición do programa o número de solicitudes recibidas volveu ser un éxito, superando as 430, e que novamente se volveron cubrir todas as prazas ofertadas, un total de 270 para as dúas Residencias de tempo libre da Xunta situadas en Nigrán e no Carballiño.
Neste sentido, o director xeral destacou que todos os participantes puideron desfrutar dunha estancia completamente gratuíta desde o día 24 de decembro ata o 7 de xaneiro. Así, sinalou que a Xunta de Galicia investiu nesta edición preto de 140.000 euros para o desenvolvemento do programa que contempla o traslado dos participantes ata as Residencias de tempo libre.
Así mesmo, Antón Acevedo explicou que o programa contempla tamén a realización de actividades para fomentar as relacións interpersoais dos participantes como o campionato de tute, a ximnasia de mantemento ou as excursións culturais. Ao respecto, destacou que están acompañados cada día por un amplo equipo de persoal sociosanitario e de animadores culturais que deseñan o itinerario.
Antón Acevedo trasladou no Parlamento que este programa forma parte do compromiso da Xunta de Galicia para fomentar o envellecemento activo entre os maiores e impulsar accións que combatan a soidade non desexada, polo que avanzou que desde a Administración autonómica seguirán traballando en iniciativas que melloren a calidade de vida dos maiores.