Nova

A Xunta pon en valor o papel da Rede Galega contra a Trata na detección e protección das vítimas de explotación sexual

O Executivo galego destina máis de 630.000 euros cada ano ás entidades que conforman esta rede de apoio para a posta en marcha de iniciativas e programas


Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, mantivo un encontro coa Rede Galega contra a Trata para establecer novas vías de colaboración e  poñer en valor o traballo desas entidades na detección e protección das vítimas de explotación sexual.

Roberto Barba destacou o compromiso da Xunta na loita contra a violencia sexual e recalcou que puxo en marcha o I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024, un documento no que estableceu novas pautas para a mellora da prevención, detección, e protección das vítimas.

Neste sentido, Roberto Barba destacou que cada ano o Executivo galego destina máis de 630.000 euros á Rede Galega contra a Trata para desenvolver iniciativas e programas vencellados ao Plan galego contra a trata e sinalou o importante traballo que realizan na reparación integral das vítimas e no acompañamento durante o seu proceso de restablecemento.

O director xeral tamén fixo fincapé na estreita colaboración entre as entidades sociais e a Administración autonómica para seguir avanzando na repulsa contra a trata sexual e a prostitución. Así, Barba agradeceu o labor da Rede Galega contra a Trata e sinalou que a Xunta seguirá traballando para poñer en marcha novas medidas que fagan de Galicia un referente na loita contra a violencia de xénero.