Inicio > Temas > Familia e infancia > Protección da infancia > Intervención dos servizos sociais ante os casos de maltrato

Intervención dos servizos sociais ante os casos de maltrato

Cando un neno, nena ou adolescente é maltratado, é importante distinguir entre dúas diferentes situacións: se o maltrato se dá fóra do contexto familiar, unha vez que os pais ou titores son coñecedores desta situación son eles quen deben tomar as medidas necesarias para garantir a protección do seu fillo ou filla, coa colaboración dos servizos sociais, educativos, sanitarios, policiais, etc, segundo proceda.  En cambio, cando o maltratador é precisamente unha das persoas encargadas de protexer ao neno ou nena, debe intervir a Administración Pública como Entidade de Protección de Menores.

A primeira actuación dos servizos sociais ante a comunicación dun caso de maltrato é constatar se efectivamente responde a un maltrato real e, neste caso, a súa gravidade e a urxencia da intervención. Se é de carácter leve ou moderado  establecerase un plan de intervención coa familia, traballando diversos aspectos educativos, psicolóxicos, sociais, etc, en función das necesidades. 

En caso de valorarse que o maltrato é grave adoptarase a medida de protección correspondente, poranse os feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal e prestarase a atención terapéutica axeitada. Todo iso sen prexuízo de poñer en marcha un Plan de intervención coa familia, para traballar a reintegración familiar.   

Ante unha situación de desprotección dun neno ou nena, a actuación da Xunta de Galicia está orientada polos criterios de intervención mínima (conforme ao que se debe evitar, sempre que posible, que sexa separado do contorno familiar), flexibilidade e proporcionalidade, para garantir en todo momento a adecuación das medidas á situación concreta do menor. Todo iso baixo o principio xeral, que preside todas as actuacións en relación coa infancia, de primacía do interese do menor sobre calquera outro interese de terceiras persoas, por lexítimo que este poidera ser.