Nova

A Xunta destina preto de 14.000 euros á compra de material e mellora das instalacións da Asociación de Mulleres Rurais Azucareira, en Portas

Preto de 160 entidades da provincia de Pontevedra recibiron un total de máis de 1,7 millóns de euros para mellora das súas instalacións e compra de material

O delegado territorial destacou o importante papel deste tipo de entidades para manter as costumes e o tecido veciñal do rural


Portas (Pontevedra), 15 de maio de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou as instalacións da Asociación de Mulleres Rurais Azucareira, no concello de Portas, que foi beneficiaria dunha axuda de máis de 13.700 euros da Xunta para a mellora das súas infraestruturas e adquirir novo material.

Estas axudas, xestionadas pola dirección xeral de administración local, permitiron impermeabilizar as paredes, cheminea e teitos do local social da entidade, eliminando os problemas de filtracións que sufría a edificación e converténdoa nun lugar máis confortable para as usuarias. Ademais realizouse un pintado integral da planta baixa do edificio.

Por outra banda, grazas a liña destinada á compra de material, a asociación puido investir na mellora da eficiencia enerxética do edificio, mercando unha nova estufa de pellets de baixo consumo. Con esta achega tamén adquiriron novas cadeiras pregables e un moble parador para almacenamento.

Cabe destacar que estas subvencións chegaron a preto de 160 entidades da provincia de Pontevedra, cunha achega global de máis de 1,7 millóns de euros entre a liña destinada á execución de obras e a orientada á compra de material.

Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia deste tipo e entidades que, “ademais de crear un tecido veciñal máis forte e comprometido, son fundamentais para manter vivo o noso rural, as súas costumes e as súas formas de ocio”.