Nova

A Xunta financiará obras de mellora na escola infantil pública autonómica do Carballiño

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e técnicos deste ente autonómico, visitan o centro para comprobar as necesidades que hai nas instalacións


O Carballiño (Ourense), 10 de marzo do 2026

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá a escola infantil Calvo Sotelo do Carballiño, pertencente á rede pública autonómica. Perfecto Rodríguez estivo acompañado do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, e alcalde en funcións do concello, José Rafael Castro-Gil.

O xerente do Consorcio sinalou que o motivo da visita foi valorar as necesidades de obras de mellora que ten a escola, que iniciou a súa actividade no curso 2009-2010 e que ten capacidade para 59 prazas e catro unidades. De feito, técnicos do ente autonómico tamén participaron na visita para comprobar sobre o terreo o estado das instalacións.

Perfecto Rodríguez ofreceu a colaboración do Consorcio ao Concello para elaborar unha memoria técnica coas intervencións que precisa a escola. Así mesmo, explicou que a Xunta financiará as obras e que será o Concello o encargado de contratalas e de executalas. Os traballos realizaranse durante os meses de verán, aproveitando o período de vacacións no centro.

Ademais, o xerente do Consorcio recalcou o compromiso da Xunta coa atención á infancia e o apoio á conciliación das familias, a través de investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos ou tamén con medidas como a gratuidade.  Ao respecto, destacou que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos ou fillas, vaian a unha escola 0-3 da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. Grazas á gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil cun 65%, 15 puntos por riba da media nacional.

Perfecto Rodríguez tamén apuntou que nestes momentos o Goberno galego está a desenvolver un programa de melloras en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos de toda a comunidade, no que está a investir preto dun millón de euros do Fondo de Cohesión e Transformación Social (FCT).