Nova

A Xunta apoia o liderado feminino no deporte na xornada ‘Mulleres que rompen marcas’ do Nordés Club Empresarial

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, asisten ao evento dirixido a dar visibilidade ás deportistas galegas e ás mulleres que impulsan a igualdade no ámbito deportivo


A Coruña, 4 de marzo de 2026

 O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, asistiron hoxe á inauguración da xornada Mulleres que rompen marcas, centrada no liderado no deporte feminino e organizada polo Nordés Club Empresarial co obxectivo de dar visibilidade ás deportistas galegas e ás mulleres que impulsan a igualdade no ámbito deportivo.

No acto, enmarcado no ciclo Feminino Plural, participaron Meri Suárez, campioa mundial e europea na categoría máster de taekwondo (-57 kg); Sofía Toro, campioa olímpica, mundial e europea de vela; e Almudena Quereda, subcampioa do mundo e récord mundial en 10 Km de natación en augas abertas.

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, puxo en valor as cifras que acreditan o crecemento deporte feminino con récord histórico de licenzas femininas -case 87.600- ou as 740 deportistas recoñecidas de alto nivel, así como os 122 equipos de alta competición patrocinados pola Xunta a través do Plan de patrocinio de equipos de alta competición de Galicia. Nesta liña, incidiu na necesidade de seguir mellorando e facer fronte aos retos neste eido e destacou o importante papel do deporte como ferramenta para avanzar cara a igualdade. Tamén fixo referencia ás deportistas participantes na mesa ás que definiu como modelos a seguir para conseguir este obxectivo.

Pola súa parte, a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou no acto a importancia de recoñecer ás deportistas femininas e darlle voz ao seu traballo, independentemente da disciplina e da súa traxectoria. Así, explicou que é importante visibilizar o seu percorrido, especialmente, entre as xeracións máis novas.  Por iso, puxo de relevo o papel deste espazo como Femenino Plural, que conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade.

Neste sentido, María Quintiana explicou que Galicia conta con mulleres deportistas referentes, que acadaron importantes fitos a nivel internacional e, en moitas ocasión, “con condicióna desiguais”. Por iso, fixo fincapé na necesidade de seguir dándolle voz, de escoitar as súas necesidades e apoiar o seu labor desde as administracións, algo para o que sempre contarán, dixo, co apoio da Xunta para situar o deporte feminino no lugar que merece.