Nova
Fabiola García traslada ao alcalde de Cartelle o compromiso da Xunta cos servizos sociais no rural
A conselleira de Política Social e Igualdade avanzou que grazas ao acordo da Xunta e a Fegamp este municipio recibirá 514.000 euros ata 2028, o que supón unha inxección de máis de 151.000 euros para o servizo de axuda no fogar
Santiago de Compostela, 2 de marzo do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, para avaliar o funcionamento dos servizos de atención a maiores deste municipio, ao tempo que reafirmou o compromiso da Xunta coa mellora e o impulso dos servizos sociais do rural.
A conselleira aproveitou a xuntanza para avanzarlle ao alcalde que, grazas ao acordo asinado entre a Xunta e a Fegamp, este concello recibirá a maiores unha inxección de máis de 151.000 euros para o servizo de axuda no fogar. De xeito que, tal e como explicou Fabiola García, o investimento do Goberno galego neste municipio para financiar este servizo de competencia municipal ascenderá a 514.000 euros.
Así mesmo, explicou que a Xunta reforzou nos últimos anos a atención aos maiores deste municipio a través do bono coidado no fogar, unha achega económica para os dependentes que queren ser coidados no seu municipio. Así, lembrou que o Goberno galego financia 160.000 euros a este servizo.