Nova

Rueda anuncia que a Xunta comeza a tramitación do anteproxecto da primeira Lei galega de infancia e adolescencia

Salienta que o obxectivo é “reforzar a protección e atención dos menores” e “poñer a infancia no centro de todas as políticas” da Administración

Unha das principais novidades é que será posible a permanencia do neno coa familia acolledora cando este neno saia en adopción, priorizando o benestar do menor

Prevé tamén a creación dun rexistro autonómico de familias acolledoras e adoptivas

Permitirá reforzar o traballo conxunto das administracións en materia de protección dos menores

A conselleira de Política Social avanza que a previsión é ter aprobada a nova normativa “no segundo semestre do ano”


Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe o inicio do proceso de tramitación do anteproxecto da “primeira Lei galega de infancia e adolescencia” que busca “reforzar a atención e protección dos menores e poñer a infancia no centro das políticas” do Goberno autonómico. O obxectivo, segundo indicou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, é que esta normativa estea aprobada “no segundo semestre do ano”.

Ata agora, todas as novidades e modificacións lexislativas no ámbito autonómico que afectan a infancia e a adolescencia foran incluídas noutras leis como, por exemplo, a Lei de apoio á familia de 2011 ou a Lei de impulso demográfico de Galicia de 2021. Nesta futura norma específica abordaranse a atención e a protección dun colectivo que é especialmente vulnerable, as distintas actuacións que se deben levar a cabo para garantir os seus dereitos e o réxime de infraccións e sancións en materia de infancia.

Os principais destinatarios do futuro texto lexislativo son os máis de 365.000 menores de idade que residen en Galicia, pero terá impacto en toda a sociedade galega, porque a protección e apoio ás persoas menores é unha responsabilidade da cal participan directamente as familias, os e as profesionais do ámbito da infancia e adolescencia e as distintas administracións. “Será unha lei moderna, adaptada ás novas realidades sociais e que poña o foco na infancia”, indicou a conselleira.

Participación e consenso

A intención da Xunta é que sexa un anteproxecto de lei aberto e participado, no cal se inclúan as achegas de toda a sociedade galega, en especial das entidades representativas do sector, e que acade o maior consenso posible. Con esta finalidade, nos vindeiros días abrirase unha consulta pública previa para que as persoas, asociacións, colexios profesionais e demais organizacións que o desexen acheguen as súas propostas.

Non obstante, a Xunta ten o propósito de incluír neste anteproxecto unha serie de novidades. A principal, segundo resaltou Rueda, “será potenciar o acollemento familiar” como fórmula prioritaria de protección dun neno ou adolescente cando non pode vivir coa súa familia. O obxectivo, tal e como indicou a conselleira, “ é que todos os nenos e nenas de Galicia teñan a oportunidade de medrar nun fogar, en especial, aqueles que teñen menos de 6 anos”.

Dobre valoración das familias para o acollemento e a adopción

Neste sentido, a lei regulará, por vez primeira, a dobre valoración das familias para o acollemento e a adopción, unha demanda histórica das familias acolledoras. Isto abre a posibilidade de que un neno ou unha nena que vive en acollemento familiar poida permanecer nesa mesma familia se o persoal técnico da Xunta decide que ese neno ou esa nena pase á adopción. “A familia de acollida terá preferencia á hora de adoptalo”, explicou Rueda, favorecendo a súa continuidade na mesma contorna e evitando novas rupturas de vínculos. Ata o de agora isto non estaba permitido, xa que o acollemento e a adopción eran procedementos independentes e non se podía pasar dun a outro.

Así mesmo, a lei tamén recollerá a creación dun rexistro de familias acolledoras e adoptivas, para mellorar o control e o manexo dos datos destas familias.

Ademais, a futura norma regulará os tipos de medidas de protección á infancia e permitirá mellorar a coordinación das administracións que traballan nesta materia, porque a Xunta ten competencias nos casos de risco grave ou desamparo do/da menor e os concellos, a través dos servizos sociais de base, son os que traballan no ámbito do risco leve. Esta lei servirá, pois, para reforzar o traballo conxunto que realizan todas as administracións en defensa dos nenos e nenas e dos adolescentes.

Cambio de paradigma

E, por último, esta lei suporá un cambio de paradigma na defensa da infancia, pasando dun enfoque centrado na cobertura das necesidades dos e das menores a outro baseado en garantir os dereitos dos nenos, das nenas e dos adolescentes, tal e como establece a Convención dos dereitos do neno de 1989.

Tras pasar hoxe polo Consello da Xunta, o seguinte paso é abrir nos vindeiros días unha consulta pública previa para presentar achegas e, a continuación, a elaboración participada do anteproxecto de lei, escoitando ás entidades representativas do sector.