Nova

Fabiola García pon en valor o labor que realizan entidades como Special Olympics, que fomentan as ganas de superación das persoas con discapacidade

Traslada o compromiso do Executivo galego para seguir colaborando man a man coas entidades sociais da comunidade “para que Galicia siga sendo unha terra cada vez máis xusta e igualitaria”

Destaca que a trixésima edición do certame “volveu ser un éxito tanto na participación como na calidade dos traballos”


Santiago de Compostela, 27 de febreiro do 2026

 A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na entrega de premios da trixésima edición do concurso de postais de Nadal organizado por Special Olympics. Durante a súa intervención, enxalzou o papel fundamental que realizan as entidades sociais, “acompañando cada día ás persoas con discapacidade e fomentando as súas ganas de superación con actividades coma esta”.

No acto, no que tamén interviñeron o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, e o director de Alcampo en Santiago, Juan Rodríguez, a conselleira agradeceu a todos os participantes o seu esforzo e felicitounos pola creatividade de cada unha das tarxetas, sinalando que “cada ano llo poñen máis difícil ao xurado”. A este certame presentáronse máis de 1.000 traballos de usuarios dunha trintena de asociacións e entidades sociais de Galicia.

Ademais, Fabiola García fixo fincapé na importancia de seguir impulsando iniciativas que promovan a autonomía das persoas con discapacidade e lles permitan seguir amosando as súas habilidades. Ao respecto, puxo en valor o carácter social das entidades que “o dan todo para construír unha sociedade máis igualitaria”.

Por último, trasladou o compromiso do Executivo galego para seguir colaborando man a man coas entidades sociais “para que Galicia siga sendo unha terra cada vez máis amable e igualitaria”. Nesta liña, destacou que neste 2026 a Xunta destina máis de 190M€ á atención das persoas con discapacidade e lembrou a aprobación da revisión de prezos por parte do Goberno galego, con máis de 7M€ anuais para facer fronte ao novo convenio colectivo da discapacidade.