Nova
A Xunta enxalza o papel de Ategal na promoción dunha sociedade máis solidaria e comprometida cos maiores
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, situou esta entidade como un referente do envellecemento activo e saudable
Santiago de Compostela, 25 de febreiro do 2026
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asistiu esta tarde ao V encontro solidario das corais da Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal), que este ano recauda fondos para a Cociña Económica. Tras este evento, enxalzou o papel desta entidade no fomento e construción dunha Galicia máis solidaria e comprometida cos maiores.
Antón Acevedo fixo fincapé no traballo que desenvolve Ategal desde hai máis de catro décadas e sinalou que se trata dunha entidade de referencia no envellecemento activo e saudable. Así mesmo, destacou que fomenta a participación dos maiores en diferentes eidos da sociedade e impulsa a súa formación para manterse activos.
Neste sentido, o director xeral lembrou que a Xunta colabora estreitamente con Ategal a través de diferentes achegas económicas para programas, así como un convenio colaborativo que o pasado ano ascendeu a preto de 200.000 euros.
Así mesmo, durante o encontro, tamén felicitou ao alumnado que participa nos diferentes programas de Ategal polas súas ganas de seguir ampliando coñecementos e trasladoulles o compromiso da Xunta de seguir impulsando iniciativas que favorezan o seu envellecemento activo e saudable.