Nova

A Xunta investirá outros 10,5 M€ na ETEA para urbanizar o vieiro principal mentres avanza co ámbito do PS6 para albergar a nova residencia de maiores de Vigo

A delegada territorial, Ana Ortiz, celebra a firma do convenio a pesar de que Concello e Zona Franca non invitaron á Xunta ao acto

O Goberno galego xa licitou en febreiro a construción e explotación dunha cafetería no ámbito PS5 e o prazo de ofertas está aberto ata o 27 de marzo


Vigo, 25 de febreiro de 2026

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, celebrou este mércores a firma do convenio para a reforma da Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA) no que o Goberno galego investirá outros 10,5 millóns de euros para a urbanización do ámbito do PS1, que abarca o vieiro principal e a praza de Armas das instalacións situadas no barrio vigués de Teis.

“A pesares de que a Xunta é a que financia o proxecto non houbo invitación por parte do Concello de Vigo e Zona Franca para a firma do convenio”, sinalou a representante autonómica antes de celebrar que “por fin avancemos na recuperación dunha zona que estivo bloqueada durante anos pola administración local”.

A delegada lembrou que a Xunta vén cumprindo todos os seus compromisos para desenvolver o ámbito PS1, que suporá a urbanización e acondicionamento dos vieiros principais, así como a dotación de novas redes de servizos e conexións exteriores.

Así, indicou que tras o acordo alcanzado por Xunta, Concello e Zona Franca no verán do 2024, polo que a Administración autonómica comprometeu o financiamento da obra ao 100%, xa en maio do 2025 o Consello da Xunta aprobou o convenio, cun investimento de 10,5M€. Ortiz celebrou a aprobación do convenio despois de “oito meses de retraso sen saber o motivo”.

“Agardo que a partir deste momento poida iniciarse canto antes a urbanización deste vieiro que vai ser sufragado pola Xunta, que permitirá o desfrute non só dos veciños de Teis e os vigueses, senón de todos os cidadáns que queiran desfrutar desta contorna”, sinalou a delegada territorial.

Ana Ortiz tamén apuntou que as obras de urbanización do PS6 son as únicas que se están executando neste momento nos terreos da antiga Escola, cun investimento autonómico de case 5M€ e que albergarán a futura residencia que construirá a Fundación Amancio Ortega e que xestionará a Xunta.

Igualmente, destacou que neste momento tamén está aberta a licitación da construción e explotación dunha cafetería no ámbito PS5, para a que as empresas poden presentar ofertas ata o 27 de marzo.