Nova
A Xunta avoga por dar máis visibilidade e poñer en valor o papel das mulleres na ciencia e na investigación
Destaca a importancia de que as nenas e adolescentes teñan referentes femininas na ciencia e na investigación
Vigo, 24 de febreiro do 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, salientou esta tarde a importancia de dar máis visibilidade e de poñer en valor o traballo das científicas e investigadoras. Fíxoo na xornada de presentación da iniciativa Son científica. Vivo aquí, campaña de divulgación do talento feminino na ciencia da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I) do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
María Quintiana destacou o compromiso da Xunta en apoiar a presenza das mulleres en todos os ámbitos, tamén no científico, reclamando para elas o protagonismo que merecen polo seu traballo e dedicación. Tamén defendeu a necesidade de continuar impulsando a incorporación das mulleres na investigación, a través da súa presenza nas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Ademais, a directora xeral insistiu na importancia de que as nenas e adolescentes teñan referentes femininas no ámbito da ciencia e da investigación, para seguir rompendo barreiras de xénero.
Neste sentido, fixo mención ao papel que ten a Unidade Muller e Ciencia, un órgano colexiado da Xunta de Galicia, que ten entre as súas finalidades dinamizar e transformar a ciencia e tecnoloxía galega desde a perspectiva de xénero, promover a igualdade entre mulleres e homes neste ámbito, romper con estereotipos e roles de xénero e visibilizar o talento das mulleres galegas na ciencia a través do Premio María Josefa Wonenburger Plannels.