Nova

O centro sociocomunitario de Mondoñedo organiza proxeccións de cine e dous obradoiros de baile gratuítos

Tamén haberá un taller sobre o uso axeitado de medicamentos o 18 de marzo, para o que é preciso inscribirse previamente


Lugo, 24 de febreiro de 2026

O centro sociocomunitario de Mondoñedo, dependente de Consellería de Política Social e Igualdade, acolle estas semanas sesións de cinema, dous obradoiros de baile gratuítos e unha xornada informativa sobre o uso axeitado dos medicamentos.

Todas as exhibicións cinematográficas comezan ás 17,00 horas. Os próximos títulos que se proxectarán son a produción arxentina-española El Cuento de las Comadrejas, de Juan José Campanella -o luns 2 de marzo -; o documental En todas as mans, sobre os montes veciñais en man común, da cineasta de Redondela Diana Toucedo, – o mércores día 4 -; Barbie (EEUU), dirixida por Greta Gerwig – o luns 9 - ; o filme francés Delicioso, de Éric Besnard – o mércores 11 -; e a película Asuntos de familia, de Maha Haj, que se proxectará o luns 16.

As sesións de cine enmárcanse no proxecto Lectura Sénior, impulsado pola Administración galega para fomentar o acceso das persoas maiores a recursos culturais e de entretemento do seu interese – non só libros senón tamén películas, música ou os formatos escollidos polos usuarios-. A iniciativa lévase a cabo en colaboración coa Biblioteca Pública da Xunta en Lugo, que facilita materiais do seu extenso catálogo. A proposta púxose en marcha na residencia de maiores das Gándaras (Lugo) e xa se está a traballar para ampliala a outros centros.

En canto ás clases de baile, serán impartidas pola escola Hover Cross e terán acceso aberto e gratuíto. O mércores 25 de febreiro ás 17,00 horas haberá un obradoiro de merengue; e o mércores 25 de marzo á mesma hora outro de cumbia.

O programa para este período complétase cun taller sobre o emprego correcto da medicación, impartido pola Escola Galega de Saúde Pública. Será o mércores 18 de marzo ás 17,00 horas, e para asistir hai que inscribirse previamente.