Nova

A Xunta impulsa un programa pioneiro e único no país para a protección e asistencia integral ás persoas orfas e vítimas da da violencia de xénero

Roberto Barba explicou que se trata dunha iniciativa que busca reforzar a atención e acompañamento aos fillos e fillas das vítimas e, de ser o caso, ás persoas que asuman o seu coidado


Baiona (Pontevedra), 22 de febreiro do 2026

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, reuniuse con profesionais do Centro de Información á Muller (CIM) de Baiona para avaliar o impacto do programa da Xunta para persoas orfas a causa da violencia de xénero. Trátase dunha iniciativa pioneira e única en España que busca reforzar a protección e asistencia integral a estas persoas e que se pon a disposición das familias de xeito individualizado.

Deste xeito, Roberto Barba explicou que o programa reforza a atención e acompañamento que se presta ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas e ás persoas que, de ser o caso, asuman a súa custodia, garda ou patria potestade. O obxectivo é facilitar o proceso de recuperación con especial atención a súa reintegración social e educativa, durante os procesos burocráticos  e asistencia xurídica.

O director xeral indicou que calquera profesional dos recursos públicos ou membros dos corpos de seguridade do Estado poden solicitar en calquera momento a derivación a este servizo específico, que se ofrece de xeito totalmente gratuíto. Este é un dos recursos que a Xunta pon a disposición de vítimas de violencia de xénero en Galicia dentro dun dos paquetes de medidas máis completos do país, que contempla axudas específicas para a protección e recuperación integral das mulleres e dos seus fillos e fillas.