Nova
A Xunta ultima a publicación do II Plan galego contra a explotación sexual e a trata
Roberto Barba explicou que este documento busca dar continuidade ás medidas establecidas no primeiro plan e que tiveron un amplo grao de cumprimento
O director tamén lembrou que Galicia é unha das comunidades co maior paquete de medidas específicas para a atención ás vítimas de violencia machista
Ademais, afeou que o Goberno central siga sen elaborar a Lei estatal contra a trata que garantiría unha mellor coordinación e resposta entre administracións
Santiago de Compostela, 20 de febreiro do 2026
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, reuniuse esta mañá en San Lázaro con membros da Rede galega de entidades contra a trata para abordar os últimos detalles do II Plan galego contra a explotación sexual e a trata antes da súa publicación.
Roberto Barba explicou que este documento busca dar continuidade ás medidas establecidas no primeiro plan elaborado pola Xunta e que acadou un amplo grao de cumprimento durante a súa vixencia. Deste xeito, agradeceu a colaboración e a disposición amosada sempre por esta rede de entidades que se encargan, en gran medida, da aplicación das medidas recollidas neste texto.
O director xeral fixo fincapé en que as vítimas de trata están amparadas na Lei galega de violencia de xénero que lles ofrece a mesma protección e garantías, de maneira que contan con recursos específicos destinados a súa protección e recuperación integral. Neste sentido, lembrou que Galicia é unha das comunidades co maior paquete de medidas e servizos específicos para as vítimas e os seus fillos e fillas.
Ademais, Roberto Barba volveu afear ao Goberno central que siga sen elaborar a normativa estatal contra a trata que prometeu hai máis dun ano. Unha lei, que segundo o director xeral, permitiría ofrecer unha mellor atención, coordinada e cunha resposta áxil entre as administracións.