Nova
A Xunta subliña a importancia do programa Areté que facilita a conciliación ás familias vulnerables do concello de Ames
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, lembrou que o Goberno galego destina máis de 29.000 euros a este programa a través da orde de achegas do IRPF
Tamén destacou que o novo local é unha mostra do compromiso de Cáritas coa atención á infancia e a adolescencia e suporá un importante impulso a esta iniciativa
Ames (A Coruña), 19 de febreiro do 2026
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participaron esta tarde na presentación do novo espazo no que se desenvolverá o programa Areté. Esta iniciativa de Cáritas Parroquial de San Xosé do Milladoiro está financiada pola Xunta e ofrece recursos e servizos de conciliación familiar ás familias máis vulnerables da contorna.
A Xunta destina máis de 29.000 euros da orde do IRPF a este programa, que se desenvolve ao longo do ano na localidade de Milladoiro, en Ames, e que ofrece ás familias con máis necesidades diferentes alternativas de ocio e acompañamento para nenos e adolescente. Neste sentido, Jacobo Rey destacou que o novo local renovado supón un impulso a esta iniciativa e demostra o compromiso da entidade coa atención a infancia e a adolescencia.
O director xeral agradeceu o importante labor que realiza Cáritas por toda Galicia na atención ás persoas que máis o precisan, tecendo unha importante rede de apoio que complementa o traballo que desenvolve a Administración galega. Por iso, fixo fincapé no compromiso da Xunta con esta entidade para seguir mellorando a calidade de vida das persoas máis vulnerables a través dunha importante colaboración económica, que no pasado ano ascendeu a máis de 2,3 millóns de euros.