Nova

Arias destaca a importancia de proxectos como ‘Visibles’ para “fomentar unha sociedade inclusiva, na que todos se sintan integrados e capaces”

O delegado territorial da Xunta en Lugo felicitou á Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e a Aspnais pola mostra Visibles, deseño e diversidade funcional, froito da colaboración entre ambas entidades


Lugo, 19 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, asistiu hoxe á inauguración da exposición Visibles, deseño e diversidade funcional, froito dun proxecto realizado pola Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón en colaboración con Aspnais.

A iniciativa reivindica o deseño como unha ferramenta de transformación social, pensado para a pluralidade das persoas. Arias destacou a relevancia deste tipo de accións “para concienciar sobre a importancia de fomentar unha sociedade realmente inclusiva, na que todos se sintan integrados e capaces”.

A mostra exhibe o traballo realizado por alumnado da Escola en cooperación con persoas usuarias de Aspnais, que foron protagonistas e coautoras durante o proceso creativo.

Así, na especialidade de deseño gráfico creáronse ferramentas de comunicación e publicacións que eliminan estereotipos e reflicten unha diversidade chea de capacidades. Na modalidade de deseño de interiores, preséntanse contornas cotiás —neste caso, dormitorios— baixo os principios da neuroarquitectura, procurando espazos funcionais que contribúan á autonomía e ao benestar dos seus ocupantes.