Nova

Fabiola García pon en valor o papel que xogan os servizos sociais de concellos como o de Rois, que recibirá unha inxección de 317.000 € ata 2028 para o SAF

A conselleira lembra que o Goberno galego incrementará nesta lexislatura un 50% a súa achega ao Servizo de Axuda no Fogar, que é de competencia municipal

Denuncia que debido ao recurso presentado polo Executivo central a Xunta non pode conceder automaticamente a discapacidade a 2.600 persoas que a teñen solicitada

Felicita ao Concello de Rois e ás traballadoras sociais municipais por acadar o 100% na ratio de atención do SAF, un servizo que non ten neste momento lista de espera


Rois (A Coruña), 19 de febreiro do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse esta mañá co alcalde de Rois, Ramón Tojo, para avaliar o impacto que ten o acordo acadado entre a Xunta e a Fegamp para o incremento a achega a este servizo,  que permitirá que os concellos poidan mellorar a súa prestación. Durante o acto, a conselleira tamén se reuniu con traballadoras sociais municipais.

Na súa intervención, a conselleira explicou que “se trata dun acordo histórico que suporá un incremento do 50% da achega do Goberno galego” a este servizo que é de competencia municipal. En concreto, explicou que no caso do concello de Rois, o incremento ao longo destes tres anos será de case máis de 317.000 euros, o que lle suporá, recalcou, un importante aforro nas arcas municipais, ao tempo que poderá seguir blindando a súa ratio de atención, que está no 100%. Fabiola García felicitou ao rexedor e ás traballadoras sociais por “esta elevadísima ratio e por non ter ningunha persoa dependente en lista de espera”.

Deste xeito, Fabiola García sinalou que “coas cifras na man vemos o beneficioso que será este acordo para os concellos galegos” e que demostra o compromiso da Xunta de Galicia coas Administracións locais e, sobre todo, con todos os dependentes galegos. Por iso, insistiu en que “é unha mágoa, que mentres a Xunta avanza en dereitos sociais, o Goberno central siga sen cumprir a Lei” e sen aportar o 50% do financiamento; polo que, lembrou, a débeda con Galicia ascende a 2.900 millóns de euros.

Recurso ante o plan de choque

Por outra parte, a conselleira tamén denunciou que o Goberno central paralizou o plan de choque da dependencia e da discapacidade da Xunta por un afán puramente recadatorio. Así, explicou que coas máis de 12.500 homologacións automáticas da discapacidade realizadas pola Xunta o pasado ano, o Executivo central deixou de recibir 114 M€, causando un importante dano a todos os galegos. Neste sentido, denunciou que, a día de hoxe, o Goberno galego non pode conceder automaticamente a discapacidade a 2.600 persoas con dependencia que a teñen solicitada por culpa de dito recurso.