Nova

Belén do Campo destaca a aposta de ASPACE pola innovación na rehabilitación infantil na presentación do exoesqueleto pediátrico

A delegada da Xunta puxo en valor o compromiso de ASPACE coa innovación aplicada á rehabilitación e destacou que este exoesqueleto permitirá que nenos e nenas que non podían camiñar poidan facelo, grazas a un dispositivo robótico que se adapta ao corpo infantil e imita o funcionamento natural do músculo

A representante do Goberno autonómico subliñou que a colaboración da Xunta con Aspace é un exemplo de como a acción coordinada das consellerías permite dar unha resposta integral ás necesidades das persoas con discapacidade, reforzando o papel do terceiro sector


A Coruña, 11 de febreiro de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto á directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e a directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, asistiron á presentación do proxecto de ASPACE Coruña “Innovación para a rehabilitación de nenos e nenas con parálise cerebral”, un acto que serviu para dar a coñecer oficialmente a incorporación do exoesqueleto pediátrico Atlas 2030, unha tecnoloxía pioneira que permitirá mellorar de forma significativa a atención e a calidade de vida de menores con parálise cerebral e patoloxías afíns.

Durante o acto, Belén Do Campo puxo en valor o compromiso de ASPACE Coruña coa innovación aplicada á rehabilitación e destacou que este exoesqueleto permitirá que nenos e nenas que non podían camiñar poidan facelo, grazas a un dispositivo robótico que se adapta ao corpo infantil e imita o funcionamento natural do músculo.

O exoesqueleto Atlas 2030 foi adquirido grazas á xenerosidade dun donante anónimo. Este dispositivo permite a exploración completa do espazo camiñando, o que incrementa as oportunidades de participación, inclusión e motivación dos menores.

Grazas ao Atlas 2030, centos de nenas e nenos están mellorando a súa capacidade de camiñar, logrando beneficios tanto a nivel físico como emocional e psicolóxico. Este dispositivo non só proporciona apoio para camiñar, senón que tamén permite a exploración completa do espazo a pé, o que facilita grandes oportunidades de participación e inclusión, xunto cunha notable motivación para os pequenos.

Colaboración Aspace

Concretamente, Belén do Campo puxo en valor a estreita e continua colaboración do Gobierno galego con Aspace, unha entidade de referencia na atención integral a persoas con parálise cerebral, destacando o apoio transversal que se canaliza desde diferentes consellerías para garantir a calidade dos servizos e a mellora da calidade de vida das persoas usuarias e as súas familias.

No ámbito da Consellería de Política Social contan cun concerto social de preto de 100 prazas coa Consellería de Política Social e Igualdade, que permite o financiamento de 46 prazas no Centro de Día e 50 prazas no Centro Residencial. “Este respaldo estable demostra o compromiso da Xunta cun modelo de atención inclusivo, próximo e de calidade”, sinalou a delegada.

A delegada tamén lembrou que a Consellería de Política Social e Igualdade tamén apoia distintos proxectos de Aspace mediante a convocatoria de subvencións destinadas a programas de interese xeral para fins de carácter social, financiados con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF e do Imposto sobre Sociedades. Concretamente, resultou beneficiaria de financiación destinada ao desenvolvemento de doce programas orientados á mellora da calidade de vida das persoas con parálise cerebral e discapacidades afíns, así como das súas familias.

Por unha banda, con estes apoios financian catro actuacións no ámbito da familia, a infancia e a dinamización demográfica dirixidos á sensibilización social, á conciliación familiar, á intervención educativa e á formación, orientación e apoio ás familias.

Por outra banda contan con apoio para actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio ás persoas con discapacidade, concedéronse axudas para oito programas. Estas actuacións abranguen ámbitos clave como a integración social, a atención temperá, a atención a domicilio, o respiro familiar, a habilitación funcional, a atención ás familias, as axudas técnicas e os programas de alimentación segura e eficaz.

Estas subvencións, reforzan o compromiso da Xunta de Galicia co tecido asociativo e co desenvolvemento de programas de alto impacto social, contribuíndo á promoción da autonomía persoal, á inclusión social e ao apoio integral ás familias.

No ámbito educativo a Xunta de Galicia mantén concertadas sete unidades do Centro Educativo coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e financian o servizo de comedor escolar durante o curso 2025-2026, no marco dun convenio de cooperación educativa, garantindo así un recurso esencial para o alumnado e as súas familias.

Pola súa banda, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes colabora a través do convenio de transporte escolar para o curso 2025-2026, facilitando o acceso diario do alumnado ao centro en condicións de igualdade e seguridade.

Así mesmo, destacou a implicación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que concedeu unha subvención no marco dos Programas de Cooperación 2025, destinada ao fomento do emprego mediante a contratación de oito traballadores e traballadoras para o proxecto de Atención integral de persoas con parálise cerebral. Unha iniciativa que, segundo subliñou, “combina a creación de emprego coa mellora directa da atención ás persoas usuarias”.

“A colaboración con Aspace é un exemplo de como a acción coordinada das consellerías permite dar unha resposta integral ás necesidades das persoas con discapacidade, reforzando o papel do terceiro sector como aliado imprescindible das políticas sociais da Xunta de Galicia”, apuntou a delegada. Neste senso, rematou agradecendo aos excelentes profesionais que levan a cabo o seu traballo neste centro o gran traballo que realizan cada día.

 “ASPACE Coruña é un exemplo de entidade comprometida coa innovación, a atención especializada e a mellora continua da calidade de vida das persoas con diversidade funcional”, concluíu