Nova

Fabiola García destaca que os CIM móbiles son esenciais para reforzar a sensibilización e a información nas zonas rurais e campus universitarios

A conselleira lembrou que desde esta mesma semana estes recursos, nos que a Xunta inviste 1,6M€, estarán percorrendo toda a xeografía galega, naqueles puntos nos que non hai centros destas características

Fabiola García animou a toda a poboación a achegarse a este servizo itinerante que ofrece información e asesoramento sobre calquera cuestión persoal ou dúbida que poidan ter


Forcarei (Pontevedra), 10 de febreiro do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, estivo esta mañá en Forcarei comprobando o funcionamento dun dos catro centros de información á muller (CIM) móbiles que a Xunta puxo en marcha esta semana. Estes recursos itinerantes, nos que o Goberno galego inviste 1,6M€, teñen como obxectivo reforzar a sensibilización en materia de xénero e igualdade nas zonas rurais e nos campus universitarios de toda Galicia.

A conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, lembrou que os CIM móbiles comezaron a funcionar esta mesma semana e, desde onte, están percorrendo toda a xeografía galega, chegando a puntos como Forcarei nos que non hai recursos destas características e “nos que tamén temos que poñer o foco á hora de sensibilizar e concienciar á poboación” para combater as desigualdades e as violencias contra as mulleres.

Fabiola García sinalou que estes servizos itinerantes están compostos por persoal profesional e especializado e en todos eles hai unha psicóloga e unha traballadora social. O obxectivo, explicou, e achegar toda a información posible á poboación para que “calquera persoa sexa un axente activo na prevención e detección da violencia de xénero”. Por iso, fixo fincapé en que estes recursos “están abertos a toda a cidadanía que queira seguir aprendendo máis sobre a igualdade ou comprender aspectos relacionados co machismo ou os roles de xénero”.

Así, subliñou que a través destes CIM a Xunta quere chegar a “todos os recunchos de Galicia” porque, segundo indicou, a concienciación social “require da implicación de toda a poboación” e para iso hai que contar con recursos coma estes en lugares “nos que é máis difícil acceder a este tipo de servizos e onde tamén é máis necesario”.