Nova

Fabiola García avanza que os catro novos CIMs móbiles percorerrán o rural e os campus universitarios desde o luns

A conselleira explicou que se trata de puntos específicos de información e asesoramento en materia de xénero e igualdade, que reforzarán o labor do resto de CIMs


Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presentou esta tarde os catro Centros de Información á Muller (CIMs) móbiles que percorreran a xeografía galega. Deste xeito, avanzou que desde o próximo luns, 9 de febreiro, estarán en funcionamento nas catro provincias.

A conselleira destacou que os CIM son recursos destinados a informar e asesorar á cidadanía sobre calquera cuestión relativa á promoción da igualdade, combater a violencia de xénero ou rachar cos estereotipos e roles machistas. Por iso, fixo fincapé en que “grazas a estes novos catro CIMs móbiles reforzamos o traballo que vimos facendo nos últimos anos”, levando estes servizos ás zonas rurais e aos campus universitarios.

Deste xeito, animou a toda a cidadanía a achegarse a estes puntos e a calquera dos recursos da Xunta - como os 84 CIMs que dan servizo a 200 concellos- para seguir afondando en calquera cuestión que lles suscite dúbidas ou nas que queiran seguir aprendendo. A conselleira explicou que estes servizos “non son exclusivos para as vítimas da violencia machista,  son espazos abertos a toda a cidadanía para concienciar, sensibilizar, acompañar e dialogar”.

Neste sentido, Fabiola García insistiu en que a Xunta aposta de xeito claro e firme pola prevención e a sensibilización contra o machismo e a violencia de xénero, porque, segundo explicou, só a través da información se pode avanzar nunha sociedade máis igualitaria e para iso “ é fundamental contar coa implicación de toda a cidadanía, é cousa de todos e todas”. De aí, destacou, a importancia destes recursos que chegarán aos puntos nos que, nestes momentos, é máis complicado e, á vez, máis necesario achegar este tipo de servizos.