Nova

A Xunta participa nunha xornada formativa do programa Airea Líderes de EVD Galicia

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou a importancia desta sesión para aprender de experiencias de éxito no ámbito da inclusión e a atención


Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiu á apertura da xornada formativa do programa Airea Líderes da entidade EVD Galicia. Esta sesión, que leva por título Construír en Comunidade, está dirixida a profesionais e conta co apoio da Xunta de Galicia.

Begoña Abeijón destacou a importancia que teñen estes encontros para coñecer de primeira man experiencias de éxito no campo da inclusión e da atención á discapacidade, así como para a formación de liderados. De feito, un dos obxectivos do programa Airea Líderes é favorecer a participación e a capacidade de incidencia en todos os ámbitos da sociedade das persoas con discapacidade e das súas familias.

A Xunta colabora desde fai anos con EVD Galicia, que conta con centros residenciais en Mos e Crecente. Así, a través da última convocatoria da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF recibiu 355.000 euros, que se destinaron a programas formativos prelaborais, á oficina de vida independente e para o desenvolvemento de persoas con discapacidade intelectual e á creación de espazos de intervención terapéutica nos seus equipamentos. Ademais destas subvencións, o Goberno galego financia 146 prazas nas residencias da organización, ás que destina 4,2 millóns de euros.

Por outra banda, a directora xeral criticou o recurso do Goberno central, publicado esta semana no Boletín Oficial do Estado (BOE), que paraliza o Plan de axilización da atención á dependencia e á discapacidade da Xunta por un afán puramente de recadación. Neste sentido, lembrou que coas máis de 12.500 homologacións automáticas da discapacidade realizadas pola Xunta o pasado ano, o Executivo central deixou de recibir 114 M€, causando un importante dano a todos os galegos.