Nova
A Xunta destina 700.000 euros a apoiar a inserción sociolaboral de mulleres vítimas de violencia de xénero
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria desta orde de axudas dirixida a entidades sen ánimo de lucro
Fináncianse plans personalizados de emprego, orientación e asesoramento ou intermediación laboral, entre outras actuacións
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova orde de axudas a entidades sen ánimo de lucro para que desenvolvan accións que favorezan a inserción social e laboral de mulleres que sufriran ou sufran situacións de maltrato. A Xunta destina 700.000 euros a esta convocatoria, que se enmarca no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
O importe máximo de cada axuda é de 80.000 euros e as propostas das entidades que se poderán acoller a estas achegas son itinerarios de inserción que inclúan: un plan de acción personalizado para a busca de emprego, orientación profesional e asesoramento laboral, acompañamento na busca activa de traballo ou intermediación laboral. Así mesmo, sufragaranse todas aquelas actuacións dirixidas a incrementar as expectativas de mellora da empregabilidade e as posibilidades de inserción laboral das participantes.
A Xunta tamén financia con esta convocatoria cursos de formación, actuacións de apoio á conciliación e bolsas para as participantes para compensarlles gastos de desprazamentos ou outros derivados da súa asistencia ás actividades do programa.
As entidades interesadas en acollerse a esta convocatoria teñen un mes de prazo, contado a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes. Deberán facelo obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta.
Obxectivo
Con esta orde, o Goberno galego procura facilitar o ingreso ou reincorporación ao ámbito laboral a mulleres que viven ou viviron situacións de violencia de xénero. De feito, nestes programas establécese de xeito obrigatorio un obxectivo de inserción laboral de polo menos o 10% das participantes.
Desde 2016 a través desta liña de subvencións preto de 3.000 mulleres participaron nestes programas e máis de 600 acadaron a súa inserción laboral.