Nova
Rueda destaca os 4 M€ investidos na reforma integral da residencia de Campolongo como exemplo da aposta da Xunta co benestar das persoas maiores
Salienta que a Xunta “prioriza recursos” para que os cidadáns “poidan envellecer como queiran”, con atención tanto nas residencias como nos seus domicilios
Asegura que reforzar estes servizos é un bo exemplo do que significa Galicia Calidade
O Goberno galego leva investidos 40 M€ no que vai de lexislatura na mellora e acondicionamento da rede de residencias públicas de maiores
O obxectivo é adaptalas ao novo modelo de coidados que aposta por unha maior coordinación sociosanitaria, as tecnoloxías e centros máis humanos e funcionais
O presidente lamenta que o Goberno central acabe de paralizar o Plan de Choque da dependencia e da discapacidade da Xunta
Pontevedra, 4 de febreiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou os 4 millóns de euros investidos na reforma integral da residencia de Campolongo en Pontevedra coma exemplo da aposta do Goberno autonómico co benestar das persoas maiores. “A sociedade do benestar é ser capaz de garantir servizos dignos e bos a todas as persoas en todo momento e segundo o vaian necesitando. Traballamos por uns servizos sociais á altura do país, isto tamén é Galicia Calidade”, salientou.
Durante unha visita a este centro pontevedrés, acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o presidente salientou o compromiso da Xunta por un novo modelo de coidados nas residencias públicas que aposta por unha maior coordinación sociosanitaria, aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías e crear centros máis humanos e funcionais.
No caso de Campolongo, levouse a cabo unha reforma integral das instalacións, compatible en todo momento coa actividade do centro. Entre as principais melloras está a creación dunha nova área de Enfermería –con oito camas-, a modernización das zonas comúns, unha nova terraza exterior ou medidas para reforzar a accesibilidade e a eficiencia enerxética dos edificios (novos ascensores, renovación da fachada, reorganización dos espazos...).
A atención aos maiores, unha prioridade para a Xunta
No que vai de lexislatura, a Xunta leva investidos 40 millóns de euros en obras de mellora e acondicionamento da rede de residencias públicas de maiores. O obxectivo é converter estes centros asistenciais en verdadeiros fogares e adaptalos ás novas necesidades e demandas das persoas maiores.
Ata agora leváronse a cabo traballos de mellora en centros de toda a comunidade, situados en concellos coma Marín, A Estrada, Lugo, Ferrol, A Coruña, Antas de Ulla, Burela, Barbadás ou O Carballiño.
Unhas actuacións que Rueda enmarca na aposta da Xunta por apoiar ás persoas maiores nesta etapa da súa vida. Nesta liña, resaltou que o Goberno autonómico traballa desde hai anos coa máxima de “priorizar recursos” para que as persoas maiores da comunidade “poidan envellecer como queiran” e reciban unha atención de calidade tanto no caso de optar por vivir nunha residencia coma no seu domicilio.
Así, os orzamentos de 2026 reservan unha partida de 840 millóns de euros a este eido con medidas como seguir implantando un novo modelo de residencias, ampliar as Casas do Maior -que xa contan con 160 centros por toda a comunidade-; promover a súa autonomía e envellecemento activo con programas como Benestar en Balnearios ou reforzar os servizos destinados a atender aos que deciden vivir nos seus domicilios. Nesta liña, xa hai 38.000 galegos beneficiarios do Bono Coidado no Fogar e outros 23.000 son usuarios do Servizo Axuda no Fogar.
Por outra parte, o presidente lamentou e tildou de “incomprensible” que o Goberno central acabe de paralizar o Plan de Choque da dependencia e da discapacidade da Xunta que permitiu máis de 12.500 homologacións automáticas da discapacidade durante o ano pasado.
Aposta pola cidade de Pontevedra
A reforma integral da residencia Campolongo súmase a posta en marcha do novo centro residencial autonómico, financiado e construído pola Fundación Amancio Ortega en Pontevedra. Unhas instalacións que contan con 120 prazas e que implicou un investimento de 28 millóns de euros. Deste xeito, a Xunta amplía a oferta residencial na cidade de Pontevedra con centros modernos e á vangarda.