Nova

Martina Aneiros anima aos maiores a desfrutar das vantaxes do Carné +65

A Delegada Territorial da Xunta visitou un dos establecementos adheridos a este programa da Consellería de Política Social e Igualdade


Ferrol, 4 de febreiro de 2026

A Delegada Territorial da Xunta en Ferrol, visitou esta mañá o comercio “Con B de Bea”, un dos establecementos adheridos ao Carné +65. Aneiros aproveitou para animar a todos os maiores a desfrutar das vantaxes que ofrece este programa da Consellería de Política Social e Igualdade en diversos servizos como saúde, ocio ou benestar.

“Os usuarios do Carné +65 poderán contar con vantaxes importantes nos establecementos adheridos, como descontos, ofertas ou promocións en diferentes produtos e servizos relacionados coa saúde, o benestar, a cultura, a moda, o ocio ou a restauración”, destacou Aneiros.

No caso do comercio “Con B de Bea”, as persoas que utilicen o Carné +65 desfrutarán dun desconto do 10% nos produtos desta tenda de moda. A representante autonómica animou por unha banda aos maiores a aproveitar as súas vantaxes e, por outra, aos establecementos da comarca a adherirse ao programa.

A Delegada lembrou que o Carné +65 é gratuíto e unicamente hai que presentalo nos establecementos adheridos, sen ningún tipo de trámite ou activación.

Con este programa a Xunta quere fomentar o envellecemento activo e pódese consultar na páxina web do programa a listaxe por municipios de establecementos adheridos https://politicasocial.xunta.gal