Nova
A Xunta subliña o apoio con preto de 1 M€ ás iniciativas de recuperación e sensibilización fronte a trata por parte de entidades sociais
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria que abre mañá o seu prazo para solicitude
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero coñeceu as iniciativas postas en marcha por Cáritas Ourense ao abeiro desta orde o pasado ano
Roberto Barba tamén visitou as obras realizadas na casa de acollida a vítimas de explotación sexual nas que o Goberno galego investiu máis de 500.000€
Ourense, 3 de febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria para a orde de axudas de preto dun millón de euros destinadas as entidades sociais para a posta en marcha de programas e iniciativas de recuperación a vítimas de trata ou explotación sexual, así como á sensibilización. Nunha visita a Cáritas Ourense, entidade beneficiaria o pasado ano, o director xeral de Loita contra a violencia de xénero, Roberto Barba, destacou que esta orde conta con dúas liñas diferentes segundo o tipo de proxecto.
Neste sentido, especificou que a primeira liña, dotada con 675.000 euros cofinanciada pola Unión Europea dentro do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, é a destinada a programas de recuperación integral das vítimas e ao fomento da súa inserción social e laboral. A segunda liña, de 180.000 euros, destínase aos programas de información, prevención e sensibilización contra a trata e a explotación sexual.
Durante a visita, o director xeral coñeceu os proxectos desenvolvidos en cada unha das liñas por parte de Cáritas Ourense, unha das entidades beneficiadas na pasada convocatoria. En concreto, recibiu preto de 45.000 euros para desenvolver diferentes accións de loita contra a trata entre as que se incluíron iniciativas de atención social, acompañamento e asesoramento, entre outras.
Ademais, Roberto Barba destacou o apoio da Xunta a esta entidade, que forma parte da Rede Galega de contra a Trata, e puxo en valor o traballo que desenvolven ao longo do ano. Deste xeito, aproveitou a visita para avaliar as obras realizadas na súas casa de acollida para vítimas de explotación sexual en Ourense e que contaron con máis de 500.00 euros de achegas do Goberno galego para mellorar a confortabilidade deste recurso e adaptalo ás necesidades das usuarias.
Por outra parte, o director xeral denunciou que o Goberno central paralizou o Plan de Choque da dependencia e da discapacidade da Xunta por un afán puramente recadatorio. Así, explicou que coas máis de 12.500 homologacións automáticas da discapacidade realizadas pola Xunta o pasado ano, o Executivo central deixou de recibir 114 M€.