Nova

Fabiola García avanza que a Xunta ultima a apertura do punto de encontro familiar do Deza en Lalín

O Goberno galego investiu 125.000 euros neste proxecto que dotará á comarca dun servizo esencial na mediación familiar e protección da infancia

Na xuntanza abordaron tamén outras cuestións relativas aos servizos sociais deste concello


Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse esta mañá en San Caetano co alcalde de Lalín, José Crespo, e o concelleiro de Política Social, Avelino Souto. Durante a xuntanza, avanzoulles que a Xunta de Galicia xa está ultimando a apertura do Punto de Encontro Familiar (PEF) de Lalín, que dará servizo á comarca do Deza e que previsiblemente estará en marcha esta primavera.

O Goberno galego investiu 125.000 euros neste proxecto para adaptalo ás necesidades dos puntos de encontro familiar, uns recursos específicos destinados a preservar a relación entre os menores e os outros membros da unidade en situacións complexas ou de crise. Nestes servizos, tal e como recalcou a conselleira, búscase o benestar dos menores e o restablecemento dos vínculos familiares. Deste xeito, salientou a importancia para as familias de toda a comarca do Deza que non terán que desprazarse longas distancias para cumprir cos réximes xudiciais de visitas. 

Ademais, na xuntanza abordaron outras cuestións relativas aos servizos sociais do concello, de xeito que o alcalde lle trasladou á conselleira a necesidade existente de novas prazas de educación infantil en Lalín para seguir fortalecendo a conciliación familiar que, nos últimos anos, foi máis doada para as familias grazas á implantación por parte da Xunta da gratuidade desta etapa educativa en todos os centros galegos.